A Fundación Crebinsky adícase ao estudo e difusión do feito de 'andar ás crebas' -coñecido en inglés como 'beachcombing'-, ou a arte de aproveitar os tesouros que nos trae o mar.

Crónica crebeira do IX Encontro de embarcacións tradicionais de Galicia

Publicado: 17 de Xullo, 2009 | En: Mundo crebas | Sen comentarios »

Aínda que tamén Lira formaba parte da organización, finalmente foi Muros quen concentrou todas as actividades, e foron moitas, relacionadas co IX Encontro de embarcacións que se celebrou entre o 9 e 12 de xullo.

Foi fermoso contemplar a abra muradá inzada de velas, sucada por embarcacións de tipoloxía e orixe diferente, recollendo os ecos de tantas voces e linguas.

Como actividade incluída no programa dos encontros, o sábado pola noite, na Casa da Cultura, celebrouse A noite das Crebas. Chisco Fernández Naval fixo unha breve introdución sobre o concepto e o carácter simbólico das crebas, así como sobre o oficio de crebeiro. Proxectáronse logo imaxes de Maribel Longueira, tanto de crebas como da súa exposición Xente no medio. A continuación Quique Otero e Miguel de Lira presentaron o making of e o trailer da longametraxe Os Crebinsky, dando a coñecer tamén este portal da rede que pretende relacionar aos crebeiros do mundo, así como acoller e difundir a información de canta actividade teña que ver coas crebas. Moita xente asistiu ao acto que, coma nos vellos tempos do cine club, tivo coloquio, rematando cedo para que dera tempo de tomar as cervexas e asistir aos concertos da noite.

Ao día seguinte, nunha mañá de borraxeira, soltáronse ao mar as pezas e os textos que formaban parte do proxecto Unha mensaxe ao mar, proposta dunha instalación crebeira, oceánica e global, na que participaron os artistas: Alfonso Costa, Juan Creus, Luís Veiras Manteiga, Mercedes Vicente, Nacho Porto, Nando Lestón, Soledad Penalta, Xoán Fernández e os crebeiros maiores Beatriz García Trillo, Antón Sobral e Maribel Longueira e, con eles, os escritores: Alexandre Nerium, Ana Romaní, Concha Blanco, Estevo Creus, Eva Veiga, Francisco X. Fernández Naval, María Lado, Marilar Alexandre, Miro Villar, Modesto Fraga e Suso de Toro.

Ás 11,30, a bordo do Hydria e co apoio do Chasula, unha parte dos participantes e un variado público que non lle tivo medo as condicións meteorolóxicas, saiuse ao mar e diante do Monte Louro procedeuse á botadura das pezas artísticas que levaban no seu interior os textos dos escritores, mensaxes ao mundo enviados dende Galicia, buscando o azar e a complicidade das correntes, das ondas e dos crebeiros doutras xeografías.

mensaxe o mar 4530

Os participantes no proxecto "Unha mensaxe ao mar" preparando a súa intervención

A poeta María Lado lanzando o seu obxect ao mar

A poeta María Lado lanza o seu obxecto ao mar

A mensaxe lanzada ao mar un día converterase en creba

A mensaxe lanzada ao mar un día converterase en creba

Texto: Chisco F. Naval

Fotos: Maribel Longueira


Cinema crebeiro: Os señores do vento (2008)

Publicado: 13 de Xullo, 2009 | En: Cinema crebeiro | Sen comentarios »

A arte dos crebeiros consiste en aproveitar todas as posibilidades creativas que poden dar de si os refugallos do mar. A actividade creativa máis importante do concello da Guarda na última década está realizada por un grupo de homes maiores. Eles son “os señores do vento”, os responsábeis dunha instalación na que se combina a intervención na paisaxe (como se fora unha obra de Land Art) e a arte cinética. Para iso aproveitan botellas de lixivia de plástico, moitas delas apañadas nas praias. Así se recolle neste estupendo documental de creación realizado por Xurxo González.


Os señores do vento. Xurxo González, 2008.


Beachcombing around the world

Publicado: 10 de Xullo, 2009 | En: Beachcombing | 1 comentario »
Odd Cape Cod Beachcombing Finds. Cape Cod Cyclist, Flickr, 2008.

Odd Cape Cod Beachcombing Finds. Cape Cod Cyclist, Flickr, 2006.

Xa falamos aquí do beachcombing como un movemento global: as correntes mariñas poden arrastrar obxectos do máis insospeitado a praias de aquí e de acolá. Cunhas cantas pesquisas no Google podemos facernos unha idea do alcance do movemento crebeiro. E no Flickr atopamos unha chea de fotos de crebas. Comezamos esta serie dedicada ao beachcombing coa creba que vedes arriba, atopada en Cape Cod (Massachussets), na costa leste dos Estados Unidos, por un crebeiro ao que lle gusta andar en bici por cerca do mar.

Se tedes fotos de crebas, se atopades este verán na praia unha creba que queirades compartir coa BIN (Beachcombing International Network), sacádelle unha foto ou un vídeo, e enviádenola contándonos a súa historia, o lugar e data da recollida, e se queredes, o nome da crebeira ou crebeiro que o atopou. Tanto dá que sexa no Vicedo, na Costa do Sol, en Croacia ou no Caribe. Pouco a pouco iremos confeccionando o mapa de crebas da Fundación Crebinsky. Ficade atentos ás pantallas.


As Crebas de Manuel Sendón

Publicado: 10 de Xullo, 2009 | En: GZ Creba | Sen comentarios »

Creba

Bulide, bichicomas, que só quedan dous días para que se clausure a exposición Crebas, do fotógrafo Manuel Sendón, no Aquarium Finisterrae da Coruña. No seu blog, Sendón amósanos uns petiscos desta mostra, e mais a idea que o levou a fotografar crebas:

Escoito e escoitei moitas historias fascinantes de obxectos traídos polo mar, unhas simpáticas e outras tráxicas. O mar cuberto de laranxas ata cambiar de cor, praias poboadas de capachos multicolores (máis propias dunha instalación que dun fenómeno natural), mulleres con impresoras cargadas na cabeza, como noutros tempos se levaban as sellas… Cousas traídas da ribeira que, aos poucos, enchían as casas e conformaban un modo de sentir o mar. Pero tamén se fala de barcos empotrados en areais aos que o mar normalmente non chega, e praias con mortos traídos polas correntes e as mareas, sen esquecer as paisaxes apocalípticas do Prestige e da evacuación do Casón.

Sigue lendo no blog de Manuel Sendón.


As crebas, economía e cultura do lixo do mar

Publicado: 10 de Xullo, 2009 | En: Documentos | Sen comentarios »
Francisco X. Fernández Naval

Francisco X. Fernández Naval

O escritor Francisco Xosé  Fernández Naval leva investigado un mundo sobre o fenómeno das crebas, e imparte conferencias polo mundo adiante sobre a economía e cultura do lixo no mar. Velaquí vos deixamos ler o relatorio que pronunciou no I Congreso de Cultura Popular e Mariñeira que organizou a Asociación de Escritores en Lingua Galega.

No Instituto das Artes de Detroit, exhíbese un cadro do pintor francés Louis Gabriel Eugène Isabey, titulado The Wreck, pintado en 1854. Trátase dunha pintura naturalista, romántica, na que se observan varias escenas dun naufraxio. Na parte esquerda o acantilado contra o que rompen as ondas dun mar enfurecido e o barco desfeito sobre os cons; na parte inferior central e dereita, a praia e as mulleres laiándose da desgracia. Sobre a praia a aldea e, nun camiño, dous homes que sosteñen na man unha luz, unha linterna coa que non alumean nada, só o baleiro que se abre diante deles. Wreck en inglés é naufraxio, pero To Wreck modifica o significado, concretándoo en facer naufragar. É posible que, o que o pintor quixo representar con eses dous homes da candea teña que ver co concepto de raquero, wreckers, aqueles que provocaban os naufraxios para aproveitarse dos despoxos.

Ver o resto do post »


Cinema crebeiro: Os Crebinsky (2001)

Publicado: 10 de Xullo, 2009 | En: Cinema crebeiro | Sen comentarios »

O mundo das crebas deu lugar a milleiros de historias recollidas nos libros e na tradición oral, e tamén tiveron a súa ollada cinematográfica. Neste blog iremos repasando algunhas pezas audiovisuais nas que as crebas xogan un papel importante. Comezando por Os Crebinsky, unha curtametraxe realizada no 2001 que ten bastante que ver con esta fundación. O imaxinario visual das crebas e unha famosa historia sobre un cargamento de leite condensada que chegou a Arou nos anos 70 deron lugar a esta curtametraxe de Quique Otero.

Este foi o xermolo do proxecto Os Crebinsky: a película, que se rodou no verán do 2008 nas costas de Loiba e Espasante (Ortigueira), e que está actualmente en fase de postprodución. No blog da Fundación Crebinsky irémosvos informando de máis detalles da película e dos avances cara á estrea desta longametraxe, que será no 2010.


Andar ás crebas

Publicado: 10 de Xullo, 2009 | En: Mundo crebas | Sen comentarios »

Benvidas e benvidos ao blog da Fundación Crebinsky para o estudo e difusión das crebas. As crebas son os obxectos que chegan ás praias procedentes dos naufraxios. As persoas que se dedican a procurar e gardar estes obxectos, mesmo dándolles un uso posterior, son chamados crebeiros, cribeiros, bichicomas, mallantes… non confundir cos raqueiros, que eran as persoas que saqueaban barcos, mesmo provocando naufraxios. Os crebeiros e crebeiras dedícanse, fundamentalmente, á reciclaxe de obxectos mariños. E non poucas persoas chegaron a vivir só co que o mar lles proporcionaba e a súa imaxinación.

Galicia é unha potencia crebeira, e máis aínda a Costa da Morte, pola cantidade de naufraxios que por desgraza aquí se producen. Mais isto de andar ás crebas non o inventamos nós. A todas as praias do mundo chegan crebas, e en todas elas sempre houbo persoas dedicadas ao beachcombing, que é como se lle di en inglés. Na parte de Laxe, a palabra bichicoma herdouse directamente da inglesa beachcomber, e comparte con ela mesmo a acepción pexorativa, equivalente a ser un morto de fame.

Mais non fai falta ser un esfameado para collerlle afección ás crebas. O gusto pola natureza, o mar, a reciclaxe e a creatividade poden facer de calquera un bo crebeiro. Pero sempre se deben ter en conta as Leis Fundamentais da Creba:

  • A creba non se crea, aparece. Un crebeiro nunca será un raqueiro, que son os que provocan os naufraxios dos barcos para que chegue a mercadoría á praia.
  • As crebas seguen o camiño natural das correntes mariñas. Quen vaia a elas debe respectar o enclave natural onde aparece. Se hai alguén respectuoso co litoral é o crebeiro.
  • A creba transfórmase permanentemente. O mar é o gran escultor da creba: dalle forma, textura, cámbialle a cor…
  • A vida da creba empeza cando ti te fixas nela, a colles e decides gardala ou darlle un uso, aínda que sexa moi diferente do seu cometido inicial.
  • A creba non é propiedade de ninguén. É de quen a atopa.