Andar ás crebas
Publicado: 10 de Xullo, 2009 | En: Mundo crebas | Sen comentarios »Benvidas e benvidos ao blog da Fundación Crebinsky para o estudo e difusión das crebas. As crebas son os obxectos que chegan ás praias procedentes dos naufraxios. As persoas que se dedican a procurar e gardar estes obxectos, mesmo dándolles un uso posterior, son chamados crebeiros, cribeiros, bichicomas, mallantes… non confundir cos raqueiros, que eran as persoas que saqueaban barcos, mesmo provocando naufraxios. Os crebeiros e crebeiras dedícanse, fundamentalmente, á reciclaxe de obxectos mariños. E non poucas persoas chegaron a vivir só co que o mar lles proporcionaba e a súa imaxinación.
Galicia é unha potencia crebeira, e máis aínda a Costa da Morte, pola cantidade de naufraxios que por desgraza aquí se producen. Mais isto de andar ás crebas non o inventamos nós. A todas as praias do mundo chegan crebas, e en todas elas sempre houbo persoas dedicadas ao beachcombing, que é como se lle di en inglés. Na parte de Laxe, a palabra bichicoma herdouse directamente da inglesa beachcomber, e comparte con ela mesmo a acepción pexorativa, equivalente a ser un morto de fame.
Mais non fai falta ser un esfameado para collerlle afección ás crebas. O gusto pola natureza, o mar, a reciclaxe e a creatividade poden facer de calquera un bo crebeiro. Pero sempre se deben ter en conta as Leis Fundamentais da Creba:
- A creba non se crea, aparece. Un crebeiro nunca será un raqueiro, que son os que provocan os naufraxios dos barcos para que chegue a mercadoría á praia.
- As crebas seguen o camiño natural das correntes mariñas. Quen vaia a elas debe respectar o enclave natural onde aparece. Se hai alguén respectuoso co litoral é o crebeiro.
- A creba transfórmase permanentemente. O mar é o gran escultor da creba: dalle forma, textura, cámbialle a cor…
- A vida da creba empeza cando ti te fixas nela, a colles e decides gardala ou darlle un uso, aínda que sexa moi diferente do seu cometido inicial.
- A creba non é propiedade de ninguén. É de quen a atopa.
Deixa un comentario