A Fundación Crebinsky adícase ao estudo e difusión do feito de 'andar ás crebas' -coñecido en inglés como 'beachcombing'-, ou a arte de aproveitar os tesouros que nos trae o mar.

As crebas, economía e cultura do lixo do mar

Publicado: 10 de Xullo, 2009 | En: Documentos | Sen comentarios »
Francisco X. Fernández Naval

Francisco X. Fernández Naval

O escritor Francisco Xosé  Fernández Naval leva investigado un mundo sobre o fenómeno das crebas, e imparte conferencias polo mundo adiante sobre a economía e cultura do lixo no mar. Velaquí vos deixamos ler o relatorio que pronunciou no I Congreso de Cultura Popular e Mariñeira que organizou a Asociación de Escritores en Lingua Galega.

No Instituto das Artes de Detroit, exhíbese un cadro do pintor francés Louis Gabriel Eugène Isabey, titulado The Wreck, pintado en 1854. Trátase dunha pintura naturalista, romántica, na que se observan varias escenas dun naufraxio. Na parte esquerda o acantilado contra o que rompen as ondas dun mar enfurecido e o barco desfeito sobre os cons; na parte inferior central e dereita, a praia e as mulleres laiándose da desgracia. Sobre a praia a aldea e, nun camiño, dous homes que sosteñen na man unha luz, unha linterna coa que non alumean nada, só o baleiro que se abre diante deles. Wreck en inglés é naufraxio, pero To Wreck modifica o significado, concretándoo en facer naufragar. É posible que, o que o pintor quixo representar con eses dous homes da candea teña que ver co concepto de raquero, wreckers, aqueles que provocaban os naufraxios para aproveitarse dos despoxos.

Durante anos, nas fisterras europeas, particularmente na península de Dingle en Irlanda, pero tamén en Cornualles, Bretaña e na Costa da Morte de Galicia, campesiños desesperados pola fame levaban a cabo este tipo de prácticas, buscando comerciar logo cos restos do naufraxio, ou quizais nin iso, só ter algo que comer, algo con que abrigar os corpos ou apuntalar a casa. No século XVI, en Inglaterra, os raqueros eran calificados como “felóns e inhumanos, máis crueles que cans rabiosos, que asasinan e matan ós pobres náufragos que sofren, para obter o seu diñeiro ou roupas ou outros xéneros”. Sábese de párrocos que, vendo as carencias dos seus feligreses, pregaban nos oficios relixiosos que de suceder un naufraxio, cousa que non desexaban, pedían á providencia que este tivera lugar nas súas costas. Aínda no século XIX, os habitantes de St. Agnes tiñan por costume rezarlle a santa Warna e botar alfinetes, a xeito de ofrenda, nas augas da fonte da santa, ó tempo que lle pedían un bo naufraxio, a ser posible dun barco procedente das Indias Orientais. E é que o dereito sobre os restos que o mar botaba ás praias, a ralé que a lingua da vazante deixa na area, correspondía, en nome do Rei, ós nobres que exercían o seu poder nese territorio, sen embargo, ás veces, cando el quería facer valer este dereito, non quedaba nada de que se apropiar, que xa os raqueros, non tendo dereito, exerceran con eficacia o oficio.

Para enganar ás embarcacións, os raqueros ataban un farol ó pescozo dun cabalo ou un facho nas cornas dun boi nas noites de mar dura, facéndoos camiñar logo polos carreiros dos cantís. Os barcos que navegaban con dificultade pensaban que podían aproximarse máis a terra, xa que daba a impresión de que outros barcos estaban máis próximos ó litoral, pero o que atopaban eran os cons, sendo o resultado a traxedia do naufraxio. En Peniche, que tamén soubo destas prácticas, o engado consisitía en facer un oco na area, prender un lume dentro del e logo, cun pano, xogar a ocultalo e a ensinalo a intervalos regulares, coma se forse a luz dun faro. Estas accións inspiraron a obra de teatro Mourenza, do escritor galego Cotarelo Valledor. O argumento vén sendo o seguinte: Unha moza namorada agarda polo seu amado que virá polo mar nun pailebote, pero esa é noite de temporal e os seus veciños e parentes, incluida a súa nai, acordan que xa que non poden ir ó peixe, sairán a pescar outra cousa. Prenden os fachos piratas que fan embarrancar un barco, que é o pailebote no que viaxa o namorado. Matan ós náufragos e logo carretan ós mortos, para que lles dean en premio a cruz de salvamento, recompensa á súa labor humanitaria. Entre as víctimas está aquel a quen a moza agarda. Por sorte esta actividade criminal desapareceu do litoral europeo a mediados do século XIX.

Quizais o primeiro raquero ou pirata de terra de quen temos noticia, foi Nauplio, pai de Palamedes, que venga a morte do seu fillo ó regreso dos gregos de conquistar Troia, acendendo no cabo Cafereo de Eubea un farol durante unha tempestade, ó que acoden confundidos os barcos dos gregos, pensando que a luz sinala un porto seguro, esnaquizándose as naves contra os cantís. Aínda que a vinganza é a razón principal do engano, en Nauplio alentaba tamén a idea de quedar cos tesouros dos aqueos, que, sen embargo, perdéronse coas naves.

“Heite de levar aos falsos faros
para que vexas as lumieiras
que atraen os barcos contra as rochas,
os campamentos que alí montaron
tras o lume á espera do botín”

di un poema de Xurxo Alonso, autor do libro “Onde viven os saqueadores de naufraxios”
Esta práctica debeu ser común, xa que deu lugar a normas durísimas, como aquela que condenaba ós raqueros a “seren mergullados no mar ata quedar medio afogados e logo sacalos fóra e lapidalos ata que morran”. O vocablo raquero incorporouse ó castelán a mediados do século XIX, pero antes, o rei Afonso, o sabio e poeta, nas Partidas establece a seguinte lei para os piratas da terra:

“Pescadores, e otros omes de aquellos que usan a pescar, e a ser cerca la ribera de la mar, fazen señales de fuego de noche enganosamente en logares peligrosos, a los que andan navegando, e cuydan que es el puerto allí; o las fazen con entención de los enganar, que vengan a la lumbre o fieran los navíos en pena, o en lugar peligroso, e se quebranten porque pueden furtar, e robar algo de lo que traen; e porque tenemos que estos a tales fazen muy grande mal… develes pechar todo quanto perdieren, e menoscaberon por esta razón. E aun demás de esto mandamos, que el Judgador del mismo lugar les faga escarmiento en los cuerpos”

Pero para norma, a expresada polo Padre António Vieira, no Sermão de Santo António aos peixes, onde advirte ós habitantes do mar, é dicir, os peixes, o seguinte:

“Só resta fazer-vos ua advertência, muito necessária para os que viveis nestes mares. Como eles são tão esparcelados e cheios de baixios, bem sabeis que se perdem e dão á costa muitos navios, com que se enriquece o mar e a terra se empobrece. Importa, pois, que advirtais que nesta mesma riqueza tendes um grande perigo, porque todos os que se aproveitan dos bens dos naufragantes ficam excomungados e malditos. Esta pena de excomunhão, que é gravíssima, nao se pôs a vôs, senao aos homens; mas tem mostrado Deus por vezes que, quando os animais cometem materialmente o que é proibido por esta lei, tambén eles encorrem por seu modo, nas penas dela, e no mesmo ponto começam a definhar, até que acabam miseravelmente”

Pero non é de piratas de terra ou de mar, nin de excomuñóns nin sequera só de naufraxios, do que quere tratar esta comunicación. Sexa procedentes de naufraxios ou non, o mar vai deixando na liña da marea, na vazante onde as ondas quebran, obxectos perdidos, refugos, despoxos naturais ou humanos, que contribúen a conformar a paisaxe dos longos areais oceánicos. No século XVII, o cartógrafo portugués Pedro Teixeira, realiza por encargo do rei Felipe IV un atlas coa descripción de España, das súas costas e portos e reinos. Nel, e referido a Galicia, podemos ler: “Cóllese na súa costa moita cantidade de ámbar que logo de dous días de que pasa a tormenta sáeno a buscar ás praias”. A ese ámbar será ó que se refire o viaxeiro, xeógrafo e escritor do reino de Granada Abu Hamid Al-Garnati, no seu libro El Regalo de los Espiritus, escrito no ano 1169 (565), no que di -e a cita, aínda que longa, paga a pena- referíndose ó noso mar: “Tamén naquel mar sae un peixe enrome, chamado peixe-ámbar. Chámano así porque se alimenta desta substancia, que, o mesmo que a brea, mana dunhas fontes que se atopan nos montes do fondo do Mar das Tebras, sendo estes peixes os únicos que a comen… Ás veces, grandes anacos de ámbar, que se foron depositando nos montes mariños e que non foron inxeridos por estes enormes peixes, saen a terra, batidos polas ondas; algúns destes anacos chegan a pesar máis ou menos un quintal e os atopan aquelas persoas para os que estaban predestinados”.

No litoral galego da Costa da Morte, estes despoxos ou restos de material diverso, reciben o nome de Crebas. Na ría de Arousa, o nome que se lles dá é o de Mallente ou Mallentada, obsérvese que en galego a malletada é o conxunto de cordas con que se tira das redes dende terra e que ás veces aparecen enliadas sobre a area. Creba debe estar relacionada con quebrar, o lugar onde escachan as ondas. No diccionario de Carré, aparece o termo Quebrazo, indicando que son “os restos dos naufraxios acaecidos nas costas e que eran considerados pertencentes ó señor da comarca onde aqueles tiveran lugar”. Crebazo vén sendo tamén mercar o máis barato do mercado. Na mariña lucense ás crebas díselles noda. O substantivo portugués que define este lixo mariño, parece ser gandaia.

“Pior fono os de Malpica
que -coma sempre, coma sempre- puxeno fachos deica Pennmarc’h
e fixeno ceifa nos dentes de ouro dos afogados.
E andaran ás crebas!”

O poema é de Méndez Ferrín e pertence ó libro Estirpe. Andar as crebas. O crebeiro sería un camiñante, coma un mazarico entre mareas, que percorría o litoral á procura de obxectos con algún valor, entre o caos das crebas.
O crebreiro non sería un pirata de terra, aínda que non desbotaría os obxectos procedentes dos naufraxios. O campo semántico deste substantivo é pois máis limitado que o castelán raquero, o islandés raka e o inglés wreckers, ós que nos viñamos referindo e que abranguerían non só ó que busca, senón tamén a quen provoca.

Creba e mallante son palabras recollidas tamén pola literatura, a primeira, como xa vimos, por Méndez Ferrín, entre outros, a segunda no poema Indelébel de Manuel Antonio, que finaliza con esta estrofa:

Por eso o meu corazón
coma un paxaro n-a man
latexa o mesmo pulso
baixo a pauta que o retrayo
reitera n-a mallante

José Baña Heim, no seu libro: Costa da Morte, historia e anecdotario dos seus naufraxios, conta o seguinte:

“Os anciáns de Santa Mariña contan que, antigamente, existía o costume de percorrer a ribeira nas noites de temporal, para recoller o que o mar ía lanzando a terra, froito do alixeiramento da carga de cuberta que facían moitos barcos cando o temporal arreciaba ou o do desprendemento do que aínda se mantiña aprisionado nas adegas dos barcos naufragados. Todo isto -madeira de riga, caoba ou ébano, con pechaduras de metal, pipos de aceite, alcool ou pintura- era logo vendido a bo precio pola súa elevada calidade e a escaseza na zona”.

José Más, no libro A Costa da Morte -novela e guía de viaxe a un tempo ido-, publicado en 1928, di o seguinte: Quedaban os outros piratas, os da costa, os que burlaban na sombra aos carabineiros e recollían o que o barco, xa desfeito polas rochas, lanzaba ás praias. Era a xente máis pobre e máis miserable do litoral” e unhas páxinas antes recolle este diálogo:

- Despois convén aproveitarse boamente do que conveña. Non se traballa sempre por traballar; hai que sacar algún froito. E este froito dóelle ao paisano que o leve quen non expuxo nada. Se iso é piratería, eu tamén son pirata.
- Naufragar un buque eu non o faría -dixo Severino-, pero non creo que me remordese a conciencia de pillar algún vulto dos que a auga trae á praia e que non o han de reclamar.

Na ría de Muros-Noia existe a illa da Creba, que como Quebra aparece recollida nos documentos de Xelmírez, primeiro arcebispo de Compostela, alá polo século XII. A súa situación, a medio camiño entre a boca e o fondal da ría, provocaría que contra ela quebrasen as correntes, deixando na súa costa abundantes despoxos. Pero se lembramos a idea de causa ou provocación dos naufraxios, quizais poderíamos atopar unha razón do seu nome na lenda que sobre a illa recolleu Vicente Risco:

“Na Creba había mouros que tiñan un templo do seu falso deus. Os cristiáns matáronos deixando soio a filla do xefe. Esta invocou ó demo, que levantou unha tempestá, afogóu ós cristiáns e separou a illa da terra. A moura convirtíuse nun culebrón arrodeado de feras que afundían os barcos. Os cristiáns foron onde un santo home que lles aconsellou bendecir a illa e erguer a eirexiña da Nosa Señora da Creba”.

Soño, lenda ou verdade, o certo é que ata ela entraban os piratas do sul e do norte, sarracenos e normandos, que ancoraban as naves ó seu abrigo, para logo penetrar terra adentro, dificultando as comunicacións e o abastecemento de Santiago de Compostela. En 1115 os árabes atacaron Noia dende ela, polo que Xelmírez decidiu contratar expertos italianos, encargándolles o deseño e construcción de galeras, apropiadas para a navegación pola ría, co obxecto de defender o litoral de Compostela, sempre ameazado, dando lugar así á que se considera a primeira armada peninsular. Sábese tamén que houbo nela ermida e ermitán, acaso herdeiro do home santo da historia. O ermitán coidaba da ermida e da imaxe da virxe e sábese que entre a illa e terra firme houbo unha ponte que permitía o paso a pé. Os mariñeiros e viaxeiros do carreto -barco de pasaxe que facía a ruta Noia-Muros- ó pasar por diante da illa saudaban á Virxe, pola que sentían unha grande devoción e moitos cantaruxaban a copla popular:

“Indo polo mar abaixo
o aire rifoume a vela;
Nosa Señora da Creba
Díume o pano para ela”

A profesión de crebeiro debeu ser habitual nas ría galegas. Rafael Dieste, no relato O Vagamundo, escribe:

“E cando a escuadra inglesa entra solemnemente na ría, o vagamundo é dos primeiros en traer tabaco de contrabando. E é o que máis remexe no argazo da praia arredada en procura de despoxos que as marexadas van botando á beira con certo misterio salobre de catástrofes marítimas ou de populosas lonxanías”

Pero a profesión de crebeiro non era exclusiva dos vagamundos, que xa se sabe que “o mar é unha mina na que moitos se fan ricos”. Antes, anualmente a lagoa das Xarfas, na parroquia de Louro, rebentaba ou rebentábana, impedindo dese xeito que as enchentes das chuvias do inverno asolagasen os herbais. É esta unha lagoa litoral, separada do mar por unha praia. Os veciños xuntábanse e abrían unha canle na area pola que escorrentaba a auga, aliviando así o nivel da lagoa. “Rebentou o lago, hai que coller o congro”. Esa era a voz que se transmitía entre os crebeiros, unha vez realizada a operación. E é que ano tras ano, ós poucos días de rebentar a lagoa, nas praias da Area Maior ou de Lariño, aparecía un enorme congro morto, e era costume que os crebeiros rivalizasen por ver quen o atopaba. Quizais así demostraban diante da colectividade o seu bo oficio, pero ademáis tiñan entre eles que o ano sería bo para quen o atopase. Agustín García, de alcume Cuchía, memoria viva desta costa, ten unha explicación natural para a aparición do corpo do peixe morto: “Coñécese que ó rebentar o lago, ía tanta auga doce e tanta area, que lle inundaba a cámara, e o congro, que é moi mal nadador, non podía nadar contra aquela corrente e morría, e era o mar quen o tiraba á praia”.

Durante a segunda grande guerra, ó sur do Cabo Fisterra, un submarino debeu afundir un buque que transportaba caucho. Cando había moita mar, as correntes movían o casco, botando fóra fardos de goma, que daquela pagaban a trinta mil pesetas, cento oitenta euros en moeda de hoxe. E cóntase que houbo quen construíu a casa a conta destas crebas.
Din que os crebeiros sabían cando no mar aboiaba algo importante polas cagadas das gaivotas. En realidade non son as cagadas, senón as egagrópilas que as gaivotas, coma outras aves, regurxitan, formando unhas bolas coa materia que non dixiren e que quedan sobre as praias. Sabemos que hai percebes de sol e de sombra, aqueles que o home aproveita e que responden ó nome científico de Pollicipes cornucopia. Pero está tamén o falso percebe, chamado percebe da madeira, que ten por nome científico Lepas anatífera, que é o que vén adherido ás embarcacións, madeiras e demais obxectos que aboian no mar. De costumes peláxicos, non ten interese comercial, pero si que é aproveitado polas gaivotas que pousan nos obxectos que navegan á deriva. Por iso, cando os crebeiros atopaban nas egagrópilas abondosos restos desta especie de percebe, sabían que o mar estaba a piques de botar á praia un obxecto de grande tamaño.

A profesión de crebeiro viña sendo unha actividade marxinal, economía de quen nada tiña, expresión de pobreza que non se pretende reivindicar aquí, só deixar constancia de que foi tarefa humana e, polo tanto, xeneradora de vida e de cultura.
A Asociación Cultural Canle de Lira, parroquia de Carnota, encargou a construcción dunha lancha xeiteira. Por diversas cuestións o mastro viu triplicado o presuposto con respecto ó prezo inicial, razón pola que os membros da Asociación decidiron percorrer o litoral á procura dos crebeiros, buscando un pau de conífera de 12 m. de lonxitude e en bo estado. O primeiro crebeiro co que deron gardaba unha boa cantidade de madeira procedente do mar, pero os mellores e máis longos paus que ofrecía medían 10 m. Finalmente, e logo de moito buscar, deron cun crebeiro no peirao de Caneliñas, último porto baleeiro da península. Había alí un pau que reunía as condicións e polas placas de identificación souberon que medía 12 metros xustos de lonxitude, 35 cm de diámetro e que fora talado no ano 1998. O prezo acordado foi de 90 euros.
A historia dos pobos da costa, está chea de anécdotas relacionadas cos despoxos do mar. Conta Fernando Alonso Romero que o primeiro té que chegou á península de Dingle, procedía dun naufraxio que tivo lugar na barra de Inch. Os veciños das aldeas que acudiron ás praias descubriron que o barco transportaba unha planta para eles descoñecida. Logo de ferver as follas durante dúas horas, coméronas e tiraron a auga da infusión. A herba fervida non lles gustou.
Nos anos que seguiron á guerra civil non só se racionaba a comida, senón tamén o tabaco. Coa cartilla de racionamento do fumador, un home -as mulleres non tiñan este dereito- dispuña de seis paquetes de tabaco ó mes. O día 9 de novembro de 1941, preto do Cabo Vilán, naufragou o patache portugués YALE HERMOSO, que tranportaba 80 Tm de tabaco de Lisboa a Bilbao. Os nove tripulantes salvaron a vida. Os veciños do lugar logo de atendelos e en canto viron que estaban ben e con saúde, correron cara a costa para facerse co cargamento de tabaco. Pero cando navegaban cara o lugar do sinistro, o barco afundiu con toda a carga. Aquilo deu lugar a unha copla que foi cantada no entroido do ano seguinte velaí vai un fragmento:

“A canción do noso barco
vinde nenas a escoitar
que por culpa do tabaco
houbemos de naufragar.
Ibamos con rumbo ó barco
todos moi ilusionados
cando ibamos para aló
xa outros viñan carregados.
Por culpa deste tabaco
hai quen non ri, pero chora
folliñas secas por dentro
e molladiñas por fóra”

A escritora portuguesa Lídia Jorge, conta na novela A Costa dos Murmúrios, a morte de varios blacks, nativos da colonia na que se sitúa a acción, intoxicados por beber o contido dos bidóns de alcool metílico que descubren na praia. Os veciños da aldea de Santa Mariña, no concello de Camariñas, atoparon na praia, en xullo de 1898, varios bocois procedentes do naufraxio do cargueiro alemán Barcelona. Por ver o que contiñan, un incauto introduciu un facho aceso dentro dun. A explosión matou a sete persoas e feriu de gravidade a dúas. O contido era alcool etílico.
Os tripulantes e pasaxeiros do vapor francés Nil, perdido na praia de Arou en outubro de 1927, salvaron a vida e foron colmados de atencións en Camelle. Co paso dos días o mar foi abrindo vías de auga no casco do buque polas que saíu unha grande parte da mercadoría que transportaba e que as ondas botaron á praia. Entre estes obxectos había botes que contiñan unha substancia branca, fluída, coa que a xente pintou portas e xanelas, ignorando que aquilo non era pintura, senón leite condensado, ó que deseguida acudiron as moscas.

En 1970, na praia de Bastiagueiro na ría da Coruña, naufragaba o Erkowit, logo dunha lamentable acción de rescate. Durante os primeiros días todo foi festa, que o mar botaba ás praias todo tipo de obxectos: lavadoras, pasta de dentes, té inglés, cervexa negra, tabaco, conservas e tamén televisores en branco e negro que moito xogo deron nos fogares das Mariñas. Pero nas adegas ía tamén un galano envelenado, a dieldrina, que arruinou a vida de moita xente e deixou enfermo o mar. Un dos bidóns desta substancia apareceu en Santander. Malia os esforzos da dictadura por calar o asunto, este transcendeu en toda a súa crueza, e aínda hoxe, os veciños das localidades próximas ó accidente senten un calafrío, ó lembrar como manipulaban aquel producto, que moitos confundiron coa fariña, historia esta recollida por Xurxo Souto.

Economía e cultura do lixo do mar, ese é o título desta charla. O chapapote tamén son crebas, ou unha creba única, global e asasina. Os seus efectos tamén son economía, ou a ruina que procede da catástrofe, pero esta expresión, ruina, non deixa de ser un valor económico. Os voluntarios que limpan praias e coídos son crebeiros. Non todos pobres, non vagabundos, non representan o refugallo da sociedade, senón o mellor que nela hai, o compromiso solidario cos demais, coa vida do planeta.
As Crebas deberon ter dende sempre un valor particular para os pobos. Tratábase, ó cabo, de obxectos procedentes dese misterioso ventre que é o mar e non debemos esquecer que nalgún rincón ignorado do océano estaban as illas da felicidade, da eterna xuventude ou do paraíso, o lugar onde segundo Homero, “o sol fai a súa volta”, o destino de San Barandán e da nave que trasladou ó rei Arturo, o lugar, na tradición portuguesa, buscado polas estrelas fugaces, ánimas que saían do purgatorio e ás que se lles dicía: “Deus te guie bem guiada/ que no céu foste criada”. Ese mar, ese enorme misterio oculto máis aló do horizonte, enviaba de cando en vez unha mensaxe, crebas santas que axudaron a cristianizar o mito, imaxes aínda hoxe adoradas e ás que a xente rende unha particular devoción. Ese é o caso da Virxe dos Remedios, na parroquia de Lira, que canta unha copliña en castelán,

La Virgen de los Remedios
no quiso ir a Sevilla
prefirió ser la patrona
de los marineros de Lira

Creba é a Virxe das Areas, en Fisterra, atopada na praia e a Virxe da Xunqueira, en Cee, que apareceu entre os xuncos. Como Creba podemos pensar a Virxe da Barca en Muxía, navegante nunha embarcación de pedra e o Santo André de Teixido, onde vai de morto quen non foi de vivo. Creba quixeron supoñer ó Cristo de Fisterra, aínda que sabemos que non o era. Tamén se encadran aquí a Senhora do Cabo de Espichel, que se apareceu na beiramar, en forma de imaxe, a unha Caparicana e que aínda hoxe é festexada con grandes romaxes. E ¿qué dicir da imaxe do Señor de Matosiños, perto do Porto?. Conta a lenda que esta imaxe foi lanzada ó mar en Palestina polo propio Nicomedes. Navegou o Mediterráneo, pasou polo estreito e ascendendo polo océano decidiu ficar en Matosinhos, perdendo unicamente un brazo na longa travesía.

Era un simple madeiro, acaso cuberto de percebes pola parte inferior e Camoes, nos Lusíadas, narra como lle valeu a Tomé para practicar un milagre:

“Aquí a cidade foi que se chamava
Meliapor, formosa, grande e rica;
Os Ídolos antigos adorava,
Como inda agora faz a gente inica.
Longe do mar naquele tempo estaba,
Quando a Fé, que no mundo se publica,
Tomé vinha pregando, e já passara
Províncias mil do mundo, que ensinara.

Chegado aquí, pregando e junto dando
A doentes saúde, a mortos vida,
Acaso traz um día o mar, vagando,
Un lenho de grandeza desmedida.
Deseja o Rei, que andava edificando,
Fazer dele madeira; e nao duvida
Poder tirá-lo a terra, con possantes
Forças de homens, de engenhos, de alifantes.

Era tao grande o peso do madeiro
Que, só para abalar-se, nada abasta;
Mas o núncio de Cristo verdadeiro
Menos trabalho em tal negócio gasta.
Ata o cordao que traz, por derradeiro,
No tronco, e facilmente o leva e arrastra
Para onde faça un sumptuosos templo
Que ficasse aos futuros por exemplo”

Hai máis referencias ás crebas en Camoes, aínda que non explícitas. Ás veces cóntanos como se forman: “Quantos montes, entao que derribaram/ As ondas que batían denodadas!/ Quantas árvores velhas arrancaram/ Do vento bravo as fúrias indignadas”. Outras as crebas son os cadáveres: “Alí do sal os montes nao defendem/ De corruçao os corpos no combate/ Que mortos pela praia e mar se estendem/ de Gerum, de Mazcate e Calaiate”.

Tamén en Lídia Jorge os despoxos son os corpos dos blacks: “Os que a maré trouxe foram só os que o mar encontrou, recolheu á beira e deitou. As praias vao mas é ficar coalhadas quando chegar a noite”.

Outras son os corpos dos cetáceos, arrombados sobre as pedras, entre as dunas ou varados de maneira colectiva e por propia iniciativa.

Durante séculos Portugal buscou polas areas do império as crebas da saudade dun rei perdido. Un quixera pensar que tamén son crebas, as máis fermosas, aquilo que cantou o poeta e navegante Paio Gómes Chariño: “Sobre mar ven quen frores de amor ten”, quizais as mesmas flores deste fragmento dun poema de Eva Veiga:

“Contra as pálpebras baten
restos dun naufraxio
e a luz oxida as beiras
das extendidas pétalas”

Unha Creba pode ser a evidencia dun suceso, como esta matrícula atopada o día 5 de xaneiro do ano 2001 na praia de Carnota e que procede dun dos vehículos perdidos cando o fundimento da ponte Hintze Ribeiro, sobre o Douro, en Castelo de Paiva. Chegou aquí do mesmo xeito que chegaron varios cadáveres da traxedia.

Noutras ocasións, as crebas acollen unha nostalxia, un soño ou unha esperanza, como esas botellas con mensaxe que ás veces aparecen arrombadas nos areais, S.O.S que alguén lanzou ó mar, procurando o azar dun afecto, a calor dunha amizade. Pero sempre, diante desa paisaxe fantasmal dos refugos, pensamos en terras lonxanas, en mares escarlata, en mastros vencidos, en nostálxicas cancións de acordeón, máis ou menos o que sente Fernao Mendes Pinto, un dos personaxes da novela As Naus de Lobo Antunes: “… possuía uma cabana na areia atulhada de refugos de equinócio e recordaçoes de Malásia”.
E hai ocasións, nas que esa transformación da paisaxe, convírtese nun elemento de dinamización social e de riqueza, velaí senón a obra de Man, o alemán de Camelle, morto no mes de decembro do pasado ano en circunstancias ben dorosas e ben tristes. Primeiro construíu unha choupana cativa, dándolle prioridade ás transparencias. Ocorréuselle logo pintar as pedras do peirao e do monte e máis tarde acordou reunir os despoxos do mar transformándoos en formas. Hoxe ese é un dos lugares máis visitados da Costa da Morte. A decenas de quilómetros, en todos os cruces das estradas, un letreiro vermello anuncia: Museo do Alemán. Hoxe el e a súa obra son referencias irrenunciables para nós. Varios bares e casas de comida abriron nas proximidades do porto para atender as necesidades dos visitantes. Man e o seu museo, feito de crebas, forma parte da historia da Costa da Morte, esperemos que tamén do seu futuro.

Expresión artística, valor cultural o deste material despreciable que pode dar lugar a cadros coma este, da pintora coruñesa Beatriz García Trillo, feito integramente con crebas, no que o valor dos obxectos, esas humildes bolsas de rede, cosidas a man, nas que os mariñeiros de Lira envolven a carnada, mudan en función da propia actividade creadora da artista. Contábame ela que segundo ía atopando as bolsiñas do engado, chamáballe a atención o ben cosidas que estaban, como os nós sobreviviran á nasa, ás carnadas sucesivas, ós lances, á pesca, ó destrozo, ó castigo do mar e ós golpes contra as rochas, ó arrombamento sobre a praia. Intuíu que estaban cosidas con mimo, xa que delas dependía o sustento familiar, velaí o sentido de ordenación do cadro, transmitindo seguridade e tamén o significado do poema que o rodea: “Eu che bordo cesta do meu engado… ti traerás a fertilidade á miña casa, á miña familia”. Hai outra lenda que tamén aparece no cadro e que ben sendo a máxima estética de Beatriz: “Mecum et sine mecum evoluitur ars”, que traducido di: “comigo e sen min a arte evoluciona”, como evolucionan as cestas, que antes son obxecto de sustento, logo despoxos e agora outra cousa, azarosa, vencellada á percepción do espectador.

Man, o alemán de Camelle, vivía de acordo coa súa estética, existindo coherencia entre a súa vida e a súa obra, sendo capaz de crear as formas que propoñía cos refugos da sociedade de consumo, pero non cuns refugos calesquera, senón con aqueles que foron purificados e transformados polo mar, como tamén acontece con Beatriz. A arte do século XX xa non comunica ningún significado concreto por si mesma, senón que espera recibilo de quen a contempla, arte cargada pois de múltiples significacións, segundo a percepción que dela teña o suxeito que a mira. Trátase dunha arte que segue a lei do azar, xa proposta polos surrealistas, e esta mesma lei é a seguida por Maribel Longueira nas fotografías das crebas, onde vemos que unhas veces a imaxe presenta o espacio circunstancial no que se atopou o obxecto, e outras despréndese desa referencia espacial para centrar a atención no obxecto mesmo, pero non traducindo a imaxe a concepto, para non destruila, senón facéndoa visible para facela perceptible, acadando dese xeito a imaxe do obxecto fotografado unha categoría estética que non podería ter o obxecto mesmo.

Tamén hai crebas no cine. No filme Náufrago, do director americano Robert Zameckis, interpretado por Tom Hanks, unha vela traída polo mar permite que o protagonista abandone a illa na que permaneceu catro anos. Será el, quen ó final do filme, teorice sobre o valor esencial das crebas, da vela no seu caso, ó considerar que son elas as que azarosamente marcan o rumbo das nosas vidas. Máis fondura existencial acada este poema de Luísa Villalta, Indíxena da Civilización e que se refire a Man:

“O alemán acumulou en minúsculas proporcións
todos os seres con cadanseu ponto exclusivo
no universo inhóspito
intanxíbel e estendido
na creba da existencia.
A creba dese océano aínda por formar”

Crebas poden ser as nosas propias vidas, interpretación que podemos deducir do poema de Fernando Pessoa, na Oda de Ricardo Reis, no que a creba acada valor metafísico ou ontolóxico, ó ser identificada coa mesma vida:

“Despois pensemos, crianças adultas, que a vida
Passa e nao fica, nada deixa e nunca regressa,
Vai para un mar muito longe, para ao pé do Fado,
Mais longe que os deuses.”

Bibliografía

Alonso Romero, Fernando
Historia de naufragios en tres finisterres europeos: Land’s end (Inglaterra), Dingle (Irlanda) y Finisterre (España)
Cátedra Jorge Juan
Ciclo de Conferencias curso 1998-99. Ferrol
Universidade da Coruña, 2001

Al-Garnati, Abu Hamid
El Regalo de los Espíritus
Fuentes Arábico-Hispanas 10
Consejo Superior de Investigaciones Científicas
Instituto de Cooperación con el mundo árabe

Baña Heim, José
Costa de la Muerte -Historia y anecdotario de sus naufragios-
3ª edición
Gráficas Venus
A Coruña 1980

Camoes, Luis de
Os Lusíadas
Publicaçoes Europa-América Lda.
Mira-Sintra 1988

Corominas, Joan
Breve diccionario etimológico de la lengua castellana
3ª edición
Editorial Gredos
Madrid 1976

Dieste, Rafael
Obra Galega Completa
Tomo I
Editorial Galaxia
Vigo 1995

Fernández Naval, Francisco X.
O mundo da pesca na literatura galega
Biblioteca Domingo Quiroga
Concello de Oleiros. 1999

Fernández Naval, Francisco X.
Unha viaxe á procura do solpor -Do Tambre á fin da Terra-
Colección As Viaxes, nº 2
Editorial A Nosa Terra
Vigo 2000

Jorge, Lídia
A Costa dos Murmúrios
Publicaçoes Dom Quixote
Lisboa 1988

Leite de Vasconcelos, J.
Religioes da Lusitania
Tomo I
Temas portugueses
Imprensa Nacional- Casa da Moeda
Reimpressao fac-similada
Maio 1981

Lobo Antunes, António
As Naus
Publicaçoes Dom Quixote
Lisboa 1988

Mas; José
A Costa da Morte (Novela e guía de viaxe a un tempo ido)
Edición de: Hector M. Pose, X.M. Varela, Manuel Villar
Edicións Leas-Narrativa
A Coruña 1998

Pessoa, Fernando
Odes de Ricardo Reis
Colecçao de Poesía
Ediçao Ática
Lisboa 1987

Risco, Vicente
Etnografía. Cultura Espiritual
Historia de Galicia dirixida por Ramón Otero Pedrayo
Tomo I (A Terra- O Home-I)
Editorial Nós
Bos Aires 1962

San Claudio Santa Cruz, Miguel
Tesouros asolagados
-Historia dos naufraxios no mar de Galicia-
Edicións Lea
Santiago 1997

Souto, Xurxo
Contos da Coruña
Colección Crónica
Edicións Xerais
Vigo 2001

Teixeira, Pedro
El Atlas del Rey Planeta
La Descripción de España y de las costas y puertos de sus reinos
Editorial Nerea 2002

Varios Autores
Alma de Beiramar
A Asociación de escritores en lingua galega en contra da Marea Negra
A Nosa Terra
Vigo 2003

Vieira, Padre António
Sermao de Santo António ao peixes
Diabril editora
Lisboa 1976



Deixa un comentario