Beachcombing around the world
Publicado: 10 de Xullo, 2009 | En: Beachcombing | 1 comentario »Xa falamos aquí do beachcombing como un movemento global: as correntes mariñas poden arrastrar obxectos do máis insospeitado a praias de aquí e de acolá. Cunhas cantas pesquisas no Google podemos facernos unha idea do alcance do movemento crebeiro. E no Flickr atopamos unha chea de fotos de crebas. Comezamos esta serie dedicada ao beachcombing coa creba que vedes arriba, atopada en Cape Cod (Massachussets), na costa leste dos Estados Unidos, por un crebeiro ao que lle gusta andar en bici por cerca do mar.
Se tedes fotos de crebas, se atopades este verán na praia unha creba que queirades compartir coa BIN (Beachcombing International Network), sacádelle unha foto ou un vídeo, e enviádenola contándonos a súa historia, o lugar e data da recollida, e se queredes, o nome da crebeira ou crebeiro que o atopou. Tanto dá que sexa no Vicedo, na Costa do Sol, en Croacia ou no Caribe. Pouco a pouco iremos confeccionando o mapa de crebas da Fundación Crebinsky. Ficade atentos ás pantallas.
