Publicado: 13 de Xullo, 2009 | En: Cinema crebeiro | Sen comentarios »
A arte dos crebeiros consiste en aproveitar todas as posibilidades creativas que poden dar de si os refugallos do mar. A actividade creativa máis importante do concello da Guarda na última década está realizada por un grupo de homes maiores. Eles son “os señores do vento”, os responsábeis dunha instalación na que se combina a intervención na paisaxe (como se fora unha obra de Land Art) e a arte cinética. Para iso aproveitan botellas de lixivia de plástico, moitas delas apañadas nas praias. Así se recolle neste estupendo documental de creación realizado por Xurxo González.
Os señores do vento. Xurxo González, 2008.
Publicado: 10 de Xullo, 2009 | En: Cinema crebeiro | Sen comentarios »
O mundo das crebas deu lugar a milleiros de historias recollidas nos libros e na tradición oral, e tamén tiveron a súa ollada cinematográfica. Neste blog iremos repasando algunhas pezas audiovisuais nas que as crebas xogan un papel importante. Comezando por Os Crebinsky, unha curtametraxe realizada no 2001 que ten bastante que ver con esta fundación. O imaxinario visual das crebas e unha famosa historia sobre un cargamento de leite condensada que chegou a Arou nos anos 70 deron lugar a esta curtametraxe de Quique Otero.
Este foi o xermolo do proxecto Os Crebinsky: a película, que se rodou no verán do 2008 nas costas de Loiba e Espasante (Ortigueira), e que está actualmente en fase de postprodución. No blog da Fundación Crebinsky irémosvos informando de máis detalles da película e dos avances cara á estrea desta longametraxe, que será no 2010.