As crebas, economía e cultura do lixo do mar
Publicado: 10 de Xullo, 2009 | En: Documentos | Sen comentarios »
Francisco X. Fernández Naval
O escritor Francisco Xosé Fernández Naval leva investigado un mundo sobre o fenómeno das crebas, e imparte conferencias polo mundo adiante sobre a economía e cultura do lixo no mar. Velaquí vos deixamos ler o relatorio que pronunciou no I Congreso de Cultura Popular e Mariñeira que organizou a Asociación de Escritores en Lingua Galega.
No Instituto das Artes de Detroit, exhíbese un cadro do pintor francés Louis Gabriel Eugène Isabey, titulado The Wreck, pintado en 1854. Trátase dunha pintura naturalista, romántica, na que se observan varias escenas dun naufraxio. Na parte esquerda o acantilado contra o que rompen as ondas dun mar enfurecido e o barco desfeito sobre os cons; na parte inferior central e dereita, a praia e as mulleres laiándose da desgracia. Sobre a praia a aldea e, nun camiño, dous homes que sosteñen na man unha luz, unha linterna coa que non alumean nada, só o baleiro que se abre diante deles. Wreck en inglés é naufraxio, pero To Wreck modifica o significado, concretándoo en facer naufragar. É posible que, o que o pintor quixo representar con eses dous homes da candea teña que ver co concepto de raquero, wreckers, aqueles que provocaban os naufraxios para aproveitarse dos despoxos.