Crónica crebeira do IX Encontro de embarcacións tradicionais de Galicia
Publicado: 17 de Xullo, 2009 | En: Mundo crebas | Sen comentarios »Aínda que tamén Lira formaba parte da organización, finalmente foi Muros quen concentrou todas as actividades, e foron moitas, relacionadas co IX Encontro de embarcacións que se celebrou entre o 9 e 12 de xullo.
Foi fermoso contemplar a abra muradá inzada de velas, sucada por embarcacións de tipoloxía e orixe diferente, recollendo os ecos de tantas voces e linguas.
Como actividade incluída no programa dos encontros, o sábado pola noite, na Casa da Cultura, celebrouse A noite das Crebas. Chisco Fernández Naval fixo unha breve introdución sobre o concepto e o carácter simbólico das crebas, así como sobre o oficio de crebeiro. Proxectáronse logo imaxes de Maribel Longueira, tanto de crebas como da súa exposición Xente no medio. A continuación Quique Otero e Miguel de Lira presentaron o making of e o trailer da longametraxe Os Crebinsky, dando a coñecer tamén este portal da rede que pretende relacionar aos crebeiros do mundo, así como acoller e difundir a información de canta actividade teña que ver coas crebas. Moita xente asistiu ao acto que, coma nos vellos tempos do cine club, tivo coloquio, rematando cedo para que dera tempo de tomar as cervexas e asistir aos concertos da noite.
Ao día seguinte, nunha mañá de borraxeira, soltáronse ao mar as pezas e os textos que formaban parte do proxecto Unha mensaxe ao mar, proposta dunha instalación crebeira, oceánica e global, na que participaron os artistas: Alfonso Costa, Juan Creus, Luís Veiras Manteiga, Mercedes Vicente, Nacho Porto, Nando Lestón, Soledad Penalta, Xoán Fernández e os crebeiros maiores Beatriz García Trillo, Antón Sobral e Maribel Longueira e, con eles, os escritores: Alexandre Nerium, Ana Romaní, Concha Blanco, Estevo Creus, Eva Veiga, Francisco X. Fernández Naval, María Lado, Marilar Alexandre, Miro Villar, Modesto Fraga e Suso de Toro.
Ás 11,30, a bordo do Hydria e co apoio do Chasula, unha parte dos participantes e un variado público que non lle tivo medo as condicións meteorolóxicas, saiuse ao mar e diante do Monte Louro procedeuse á botadura das pezas artísticas que levaban no seu interior os textos dos escritores, mensaxes ao mundo enviados dende Galicia, buscando o azar e a complicidade das correntes, das ondas e dos crebeiros doutras xeografías.

Os participantes no proxecto "Unha mensaxe ao mar" preparando a súa intervención

A poeta María Lado lanza o seu obxecto ao mar

A mensaxe lanzada ao mar un día converterase en creba
Texto: Chisco F. Naval
Fotos: Maribel Longueira